A emigración a Guinea Ecuatorial
Pouca xente en Galicia pode dicir que non ten ningún familiar que decidise saír do seu lugar de orixe para buscar fóra unha vida mellor. Cuba, a Arxentina, Venezuela ou os Estados Unidos de América son destinos que coinciden coa maioría emigrante do país, mais en Quintela de Leirado moitas persoas optaron por tomar un rumbo diferente: África.
A Guinea ecuatorial, daquela colonia española, acolleu tanta xente deste concello que estas terras chegaron a coñecerse como o val de Fernando Poo.
Por que visitar o museo?
No Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial transportaraste á época da emigración a este territorio a través dos vídeos de época, vídeos con relatos de testemuñas de primeira man, ademais de paneis explicativos, obxectos da época e recreacións de elementos para entender e facerte sentir a experiencia da emigración a Guinea Ecuatorial.
Para visitar o Museo chama ao 988 493 500 de Luns a Venres de 9:00 a 14:00 horas. para reservar a túa visita guiada fora de estes horarios.
descubre
Mergúllate no mundo desta curiosa emigración
Emigración. A única saída
Nas décadas dos 40 e 50, en Quintela de Leirado, ao igual que no resto de Galicia, a emigración converteuse na única opción para poder lograr unha vida próspera. A Guerra Civil deixou unha fonda crise económica e social, que se veu agravada pola Segunda Guerra Mundial.
Guinea, unha forma de facer as Américas
En 1896 Eloy Estrada, veciño da Mourisca, saía da súa terra coa idea de emigrar ao Brasil. Foi o primeiro de moitas persoas da comarca que ao longo do século XX atoparon na Guinea a súa América particular. Un país tropical que naqueles momentos ofrecía unhas moi boas condicións de traballo, un estilo de vida moderno e grandes posibilidades de mellora persoal. Todo isto, dentro de territorio español.
A Viaxe
Chegar dende Quintela de Leirado até os territorios guineanos non era unha tarefa sinxela.
A viaxe podía durar case un mes e había que utilizar practicamente todos os medios de transporte coñecidos na época: a pé, o carro, pasando polo coche, o autobús, o tren, o barco ou o avión.
Un novo mundo
A chegada a un novo país sempre implica novos retos e desafíos e neste caso non era menos. Se ben é certo que eran territorios baixo a soberanía española, unha vez chegados á Guinea, os emigrantes galegos descubriron un novo mundo e novas realidades.
Chegar e dirixir
A maioría dos veciños que emigraron a Guinea traballaron nas plantacións de cacao e de café, ainda que moitos outros se dedicaron a sectores como o forestal, a construción, o comercio ou a administración. En todo caso, todos tiñan unha liña en común, os postos ocupados eran sempre en calidade de encargados, organizando e dirixindo o traballo de cadros que en ocasións superaban o centenar de persoas.
Houbo, así mesmo, algúns exemplos de emprendemento que levaron a algúns veciños a teren os seus propios negocios e explotacións.
Os marabillosos anos 60
Na década dos anos sesenta, a Guinea entrou no seu momento de esplendor. A produción de cacao era cada vez maior e a calidade de vida na colonia era cada vez mellor. Isto motivou que moitas familias de Quintela de Leirado viaxasen ao completo.
A fuxida
Todo cambiou bruscamente nos anos 1968 e 1969. O proceso de independencia da Guinea Ecuatorial.
No mes de marzo de 1969 terminaba a vida en Guinea para moitos veciños e veciñas. Tiveron que saír co que levaban enriba, deixando atrás unha vida: propiedades, amizades, ilusión e mesmo a seres queridos enterrados en cemiterios guineanos.
A volta
A volta a Quintela de Leirado non foi doada, pois seguían sendo moi poucas as oportunidades de futuro que ofrecía a vida no rural. Os aforros traídos dos anos de traballo na Guinea invitaron a algúns a emprender as súas propias iniciativas empresariais con maior ou menor fortuna, aínda que para a maioría dos retornados, a emigración voltou ser a única saída.
Unha vez máis había que coller a maleta e comezar de novo.